Sunday 19 de May de 2024

O Concello adxudica servizos básicos nas parroquias de Palmeira, Castiñeiras, Carreira e Corrubedo


O Concello de Ribeira ven de adxudicar varias obras destinadas a mellorar a infraestrutura e o acceso a servizos básicos nas parroquias de Palmeira, Castiñeiras, Carreira e Corrubedo. Estes investimentos foron incluídos no Plan complementario ó Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2023.
A renovación da rede de auga potable na rúa do Barreiro, en Palmeira, foi adxudicada cun orzamento de 111.508,02 €e un prazo de execución de 4 meses. O propósito da actuación é o de solucionar as roturas da liña de auga potable e problemas de escasez no subministro, mediante a substitución das liñas existentes.
Doutra banda, o saneamento no lugar de Espiñeirido, Corrubedo, conta cun orzamento de 97.336,53 € e un prazo de execución de 4 meses. O lugar non conta con rede de saneamento, polo que se proxecta a instalación dunha liña para proporcionar o servizo á veciñanza da zona.
Tamén se adxudicou a pavimentación, abastecemento e pluviais na rúa da Capela, en Carreira, cun orzamento de 111.386,63 € e un prazo de execución de 3 meses. Esta obra proxecta a renovación do abastecemento da rede de auga e a rede de pluviais; así como a posterior pavimentación da rúa.
“Este equipo de goberno ten como propósito a dotación de servizos básicos de calidade en tódalas parroquias, así como a mellora da infraestrutura e a seguridade viaria, facilitando a mobilidade e a circulación de vehículos” explicou Pérez Baral.
Por último, a pavimentación da rúa dos Curros, en Castiñeiras, adxudicouse cun orzamento de 88.209,00 € e un prazo de execución de 2 meses; co propósito de reparar o pavimento e os baches que presenta o mesmo.

Deja un comentario